Sunday 28 de April de 2024

San Sadurniño converterá as papeletas das municipais en blocs de notas con axuda de ASPANEPS


Durante unhas eleccións, sexan xerais ou locais e europeas, coma as últimas, xérase unha inxente cantidade de papel, principalmente para garantir que haxa papeletas electorais suficientes en todos os centros de votación. Porén, dá a impresión de que na busca desa garantía a cousa está un pouco desmadrada, tendo en conta que en cada mesa, por pequeno que sexa o seu censo, sempre sobran centos de papeletas. A meirande parte van directas ao colector do papel para seren recicladas, saltando desta maneira o segundo dos tres “R” da sustentabilidade: o da Reutilización. Algo ao que desde o Concello se lle quere poñer remedio -alomenos como xesto- convertendo unha parte das papeletas das municipais do pasado domingo en pequenas libretas e blocs de notas. E, ademais, colaborando cunha iniciativa de integración social, xa que o traballo de encadernación farao a asociación ASPANEPS.

En todos os manuais ambientais se fala deses tres “R”, que son o da “Redución”, o da “Reutilización” e, en último caso, o da “Reciclaxe”. As administracións deberían pensar de cara a próximas convocatorias electorais sobre o número de exemplares que se imprimen cos nomes de cada candidatura e, neste sentido, reflexionar se ten razón de ser facer tantas papeletas das que despois hai que desfacerse dalgún xeito, con todo o que iso supón en consumo enerxético e esforzo humano.

No entanto, mentres non se cumpre ese primeiro “R”, o habitual é que se pase directamente ao terceiro, o da reciclaxe, baleirando caixas e caixas de papeletas nos colectores azuis. Pero, ¿que nos quita de buscarlle un novo uso a tanto papel… por exemplo aproveitándoo para facer libretiñas ou tacos de notas?. Iso mesmo foi o que decidiu o Concello tralas eleccións do pasado domingo, como xeito de concienciar á veciñanza sobre a reutilización.

A idea non é nova. O mestre retirado e referente do volei local Manolo Seco comentaba onte mesmo nas redes sociais que á chegada de José Pantín -outro docente hoxe tamén retirado- no colexio público de San Sadurniño “sempre se reutilizaba ese material” guillotinándoo e grapándoo para que a rapazada tivese follas nas que facer contas. Costume que aínda se mantén no centro, onde se sitúa a maior mesa electoral do concello e onde Juanjo, o conserxe, aseguraba esta mañá que el fai algúns “post-its” caseiros coas follas das candidaturas, tanto para el como para a cativería.

O da reutilización das papeletas no era cousa exclusiva do colexio, senón tamén dalgunhas tendas e tabernas, como por exemplo o Bar Eladio, en Naraío. Antano centro de constantes partidas de dominó e tute, aproveitábanse os tacos sobrantes das eleccións para anotar os puntos e, cando se acababan, a función suplíase con anacos dos programas das festas, cachos de cartóns do tabaco ou apuntando a lapis directamente na mesa.

Polo tanto, queda máis que demostrado que para tanta papeleta aínda hai unha segunda vida intermedia antes de ir parar ao colector do lixo. No Concello pensárase varias veces niso e este ano, a raíz dos comicios do domingo, decidiuse dár o paso encomendándolle a tarefa de facer blocs e tacos de notas á asociación ASPANEPS, centrada no apoio, atención educativa e integración de persoas con discapacidade intelectual ou con problemas psicosociais.

Entre os obradoiros que ten en marcha está o de encadernación, que xa colaborou co Concello en anteriores ocasións. Agora a encarga que xa se lle trasladou á entidade é a de facer dous modelos de libretiñas: unha con espiral cortando as papeletas pola metade e outra que será un simple taco cadrado -cada papeleta dá para tres anacos- engomado por un dos seus lados, co obxectivo de que as follas non se estren pero que sexan doadas de arrincar.

Os blocs repartiranse entre os distintos servizos municipais e tamén estarán dispoñibles no rexistro para que calquera poida levar un para a casa ata rematar existencias. Tal e como explicaba Secundino García hoxe á mañá “só imos converter en libreta unha pequena parte das papeletas recollidas nos colexios, como xesto de concienciación sobre a reutilización. Ademais, dentro do Concello, onde todos os días se anotan unha chea de recados e apuntamentos, tamén nos aforrará mercar algúns folios e post-its”.